Cineclube

Que é un cineclube?

Un cineclube é unha asociación cultural dedicada á promoción, á divulgación e ao estudo do feito cinematográfico e audiovisual en xeral.

Encontro Cineclubes
  Auditorio Municipal de Ourense - Encontro de cineclubes
  © Federació Catalana de Cineclubs

As súas actividades mais coñecidas son, polo xeral, as proxeccións de filmes que non chegan doutro xeito ás pantallas comerciais (tanto de estrea como clásicos), mais tamén procura organizar charlas, cursos, certames e encontros arredor do cinema.

O primeiro cineclube

Edmond Benoît-Lévy
Edmond Benoît-Lévy
© Jean-Jacques Meusy

A primeira vez que se utiliza o termo cineclube foi en 1907 no boletín francés «Phono-Ciné-Gazette» dirixida polo avogado francés, exhibidor cinematográfico e guionista, Edmond Benoît-Lévy (1858-1929) onde anunciaba a súa creación.

Pathé-Omnia
    Cinema «Pathé-Omnia»
    © LL / Roger-Viollet
    Parisienne de Photographie

0 cinema, daquela, era considerado un espectáculo de feira, e un confortable teatro inaugurado no parisino boulevard Montmartre en 1906, a sala «Omnia», da que era co-propietario xunto coa compañía Pathé, tentaba mudar esa mentalidade; ofrecendo aos seus socios, un boletín, unha biblioteca e un local de reunión, onde discutir (menos de política e relixión), do desenvolvemento da cinematografía dende todos os puntos de vista.

Froito destas discusións, vería a luz en 1911 a «Association Française du Cinématographe». Tamén fundou a «Société Populaire des Beaux-Arts» en 1894, ano no que principiou a formar parte da «Ligue des Droits de l'Homme» (LDH).

Sen embargo, a pesares do dinamismo de Edmond Benoît-Lévy, non rematou por concretarse o cineclubismo até a década dos vinte, e da man de Louis Delluc, Charles de Vesme, George Denola e León Moussinac, ca publicación en 1920 de «Le journal du ciné-club» que levaría á creación dun cineclube, como o xeito de fidelizar a un público ávido de coñecemento e lexitimar o cinema como arte.

 

Como constituir un cineclube

Para a constitución dun cineclube é preciso un mínimo de tres persoas: o/a presidente/a, o/a secretario/a e o/a tesoureiro/a, podendo existir mais cargos, como vogais, vicepresidente/a ou vicesecretario/a.

  • Os documentos básicos para comezar a funcionar son, a acta de constitución e os estatutos (tes uns modelos aquí), aparte de dispoñer dun local e os elementos precisos para proxectar, que podes alugar ou xestionar a súa cesión con algunha entidade ou organismo.
  • Debes solicitar, no prazo máximo dun mes dende a constitución do cineclube, o NIF na Axencia Tributaria, debes encher o impreso modelo 036 (podes facelo en liña), no que se refiren aspectos relativos á composición e funcionamento da entidade. Tes que acompañar copia e orixinal da acta fundacional, dos estatutos, e mais o DNI dos que actúan como representantes.
  • O seguinte paso é a inscrición no rexistro xeral de asociacións e no de cineclubes; podes facelo na delegación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da provincia onde teñas establecido o teu enderezo. Debes acompañar o modelo de solicitude de inscrición, 2 exemplares coas sinaturas orixinais de todos/as os/as socios/as (coa expresión do seu nome e apelidos e DNI) da acta fundacional e os estatutos, copia dos documentos identificativos, así como o xustificante de aboamento das taxas de inscrición.
    Se o cineclube depende dunha asociación xa constituída, abonda con solicitar a súa inscrición no rexistro oficial de cineclubes [.pdf • 1'93 MB] de Galicia, acompañando para elo, certificado do secretario da asociación cultural onde se faga constar a data do acordo de constitución do cineclube, os datos persoais das persoas que o van rexer e unha copia do seus estatutos.
    Transcorrido o prazo de 3 meses sen notificación expresa da resolución da Xunta de Galicia (CPAPX), entenderase estimada a solicitude de inscrición.
  • Algunhos concellos ofrecen unha serie de avantaxes ás asociacións que se inscriben no seu rexistro municipal, como participar na convocatoria de subvencións, acceder ao uso de medios públicos municipais (especialmente locais sociais).
    Os requisitos son principalmente, ter o enderezo e desenvolver as actividades no termo municipal, estar legalmente constituídas, un funcionamento democrático e non ter ánimo de lucro.
  • Os cineclubes por ser entidades sen ánimo de lucro, poden estar exentas da presentación do IVE, porén, para que se lles recoñeza esta condición é imprescindible a petición de exención.
    Esta tramitación fárase con carácter previo á realización de operacións económicas.
    É preciso achegar á AEAT a seguinte documentación: acta fundacional, estatutos, certificado de inscrición no rexistro da Xunta e solicitude da exención asinada polo/a presidente/a do cineclube.
  • Esta exención permítenos facturar sen IVE nas operacións realizadas con motivo das actividades propias da asociación (por exemplo: as cuotas dos/as socios/as ou ben, cursos, proxeccións… etc).
    Namentres non teñamos conformidade da exención, débese presentar decraración trimestral (modelo 303), indicando «sen actividade». Se a finais do ano aínda perdura a mesma situación, debérase presentar un resumo anual (modelo 390).
  • Para abrir unha conta bancaria, debes facilitar á entidade, o NIF do cineclube e o/s NIF/s das persoas que terán sinatura para dispoñer da conta, acta do acordo que acredite a capacidade de representación dos que van asinar, acta fundacional, copia dos estatutos rexistrados e certificación do rexistro; alén de reencher un cuestionario de actividade económica facilitado polo banco.
  • As obrigas documentais son: os libros de actas, de socios/as, de contabilidade. Debes legalizar os libros no rexistro presentando unha instancia de solicitude.
  • O regulamento interno ten un rango inferior aos estatutos, e componse de normas prácticas para mellorar o funcionamento do cineclube. Nun primeiro momento, correspóndelle á xunta directiva redactalo, e deberá ser sometido á asemblea xeral para a súa aprobación definitiva.

Se tes algunha dúbida, consulta por favor o noso apartado de Preguntas e Respostas [P&R], ou ben, contacta connosco para facernos chegar a túa inquedanza.

Por se fose tamén do voso interese, aquí tedes o procedemento para pertencer á Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga».

De seguido, tedes a vosa disposición unha escolma de modelos e impresos, que agardamos, che poidan axudar para constituir un cineclube. Moito ánimo!

Actualización: 29 de xullo de 2015

 
 

Modelos de documentos e impresos para constituir un cineclube
.odt Acta fundacional cineclube [.odt • 18 Kb]
.odt Estatutos [.odt • 32 Kb]
.odt Regulamento interno [.odt • 34 Kb]
.pdf Solicitude de inscrición no rexistro xeral de asociacións [.pdf • 202 Kb]
.pdf Axuda impreso taxas [Xunta de Galicia] [.pdf • 233 Kb]
.odt Solicitude exención IVE [.odt • 15 Kb]
.odt Solicitude do carácter social do cineclube [.odt • 17 Kb]
.zip Cartafol de modelos e Guía [.zip • 579 Kb]

Modelos de documentos con formatos de estándares abertos, ao abeiro da (NTI) nos termos do RD 4/2010 do 8/01/2010.
   
cineclubeFAS

O cineclube

Navegación
 

Apoios

 

(cc) Creative Commons BY-NC-SA 3.0. • Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga»