Cineclubes de Galicia pertencentes á «Feciga»

Foi constituído o 28 de febreiro de 1969 por un grupo de amigos no restaurante «O Pote» (e tamén o seu primeiro domicilio social), entre os que se atopada Julio Castro Losada, o seu primeiro presidente até 1973.
A primeira proxección foi no cinema Alameda, a finais de maio dese ano, do filme «Fahrenheit 451» de François Truffaut.
Da man de José Francisco de Castro González, o seu presidente até 1977, xunto con Xosé Prada Martínez (decano dos cineclubistas carballiñeses), Eduardo Bernárdez López e José Álvarez Rabanillo (socios fundadores), danlle un novo pulo ás actividades do cineclube e acadaron organizar —como fixeran un ano antes o cineclube Solpor de Celanova— as «Semanas de Cinema», no mes de agosto de 1975, aproveitando a animación previa ás festas patronais de setembro, así durante 9 anos, xérmolo sen dúbida, no seu futuro inmediato da súa actividade máis senlleira.
O período máis sobranceiro abranque dende os anos 1978 a 1997, etapa presidida polo escritor, crítico de cinema e mestre Miguel Anxo Fernández Fernández, cando se desenvolveron as «Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia» (Xociviga) —edicións—.
Proxectáronse (até o 2004) nos desaparecidos cinemas «Alameda», «Rivas» e «Paradiso»; na actualidade faise nas pantallas do Auditorio Municipal e da Casa da Cultura.
Sen dúbida as «Xociviga» son unha parte da historia do noso audiovisual, pois sentaron na mesma mesa a moitos actores, produtores, directores de cinema… tanto a nivel galego como do Estado español, unha chea de xente seducida polo mundo da sétima arte e que achegou gañas, soños e moito empeño en achegarse a algo que se puidese chamar audiovisual galego.
Até 1989 foi a etapa máis esplendorosa das xornadas, grazas ao apoio decidido da Dirección Xeral de Cultura —nela figuraba o xornalista Luis Álvarez Pousa, uns dos promotores nos setenta das «Xornadas de Cine» de Ourense—.
Despois, malia a minguar as aportacións econónicas, o desinterés das institucións provocou nos promotores certo cansazo. Houbo un revulsivo e ese cambio chegou cun grupo de seis mozos abandeirados por Plácido Baranda Valeiras "Pachi" e Manuel Iglesias Nanín, que se fixeron cargo das «Xornadas» con moitos ánimos.
Sendo conscientes das dificultades estableceron alianzas estratéxicas co OUFF «Festival de Cinema de Ourense» e coa Feciga «Federación de Cineclubes de Galicia», coas que ir reforzando a súa importancia dentro do sector do audiovisual.
Apareceron premios, seccións paralelas a concurso e aproveitaron estas estratexias para seguir facendo camiño, até o ano 2001, onde cunde o desánimo polos atrancos econónicos.
A partires dese ano, o Concello do Carballiño decatouse da importancia das «Xornadas» e colleu as rendas, encargou a coordinación a Anxo Santomil García, expresidente da «Feciga» e colaborador nos inicios das Xociviga até o ano 2002, incapaz de poñer en funcionamento, pola falta de interés do novo director xeral da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, un Padroado para garantir a supervivencia das «Xornadas».
Salientar entre a multitude de actividades desenvoltas polo cineclube Carballiño nestes anos… no verán de 1988, o ciclo dedicado a Stanley Kubrick, con case a totalidade da súa filmografía, acompañada dunha publicación moi coidada de contido e deseño; desde o ano 1982, a antoloxía dos "clásicos" con copias restauradas; e a preocupación connatural polo noso cinema, colaborando sempre que foi posible na súa recuperación fílmica.
No 2003 houbo un parón nas actividades periódicas que organizaba o cineclube e só quedou o esquema das «Xociviga» que organizou o concello.
A recuperaración, en gran medida, da actividade ordinaria do cineclube desde o 2010, foi grazas a Miguel Decabo Riveiro e Ricardo Paz Díaz, xunto con históricos do cineclube como Miguel Anxo Fernández, Xosé "Pepín" Prada, José Luis Diz e demáis persoas voluntarias que colaboran de xeito altruista, facendo historia viva do cineclube.
Últimas noticias do cineclube
Carballiño
(Ourense)




- Auditorio Municipal
Av. do Balneario 64
32500 O Carballiño (Ourense)


* Reducido para estudantes, desempregados/as e xubilados/as.
(Horario CET)
Contacto
- Para gardar os datos do cineclube na tú axenda…
VCard ·
QR
[.vcs • 4 kB]
+ℹ Acerca do código «QR»