Estatutos da «Feciga»

CAPÍTULO I

Do nome, obxecto, domicilio e ámbito territorial


Artigo 1.—
No día 8 de xullo de 1984 constituíuse a asociación sociocultural independente e sen ánimo de lucro que, con carácter de Federación, agrupa os cineclubes galegos que voluntariamente se adhiran. Como denominación ten a de Federación de Cineclubes de Galicia, con capacidade xurídica e plena capacidade de obrar. Está integrada a súa vez na Confederación de Cineclubes do Estado Español e na Federación Internacional de Cineclubes.
Na presente data, 14 de xuño de 2003, apróbase a adaptación á Lei Orgánica 1/2002 [.pdf • 74 kB] do 22 de marzo, e normas complementarias, que entrarán en vigor o día 1 de xaneiro de 2004.
A lingua oficial desta Federación será o galego.
Artigo 2.—
Esta Federación constitúese por tempo indefinido.
Artigo 3.—
Son fins da Federación:
  • O enriquecemento cultural, cinematográfico e audiovisual de Galicia, coa participación no funcionamento e a xestión cultural da cinematografía galega, coidando sempre dos intereses dos cineclubes e fortalecendo os lazos de unión e de cooperación entre todos os cineclubes.
  • A prestación de servizos á xuventude no eido audiovisual, organizando actividades con este fin, así como cinefórums infantís e xuvenís.
  • O achegamento da cultura audiovisual á sociedade, organizando actividades con este fin, especialmente para os sectores máis desfavorecidos.
Artigo 4.—
Para o cumprimento destes fins, a Federación empregará todos os medios ao seu alcance, que especificamente poderán ser:
  • Subministración de películas procedentes de intercambios, importacións, cesións, doazóns, alugamentos a entidades galegas ou de fóra de Galicia, produción propia ou calquera outra fonte legal.
  • Información, orientación e axuda aos cineclubes no seu labor docente cinematográfico, mediante a prestación dos oportunos servizos.
  • Establecemento das relacións que se consideren necesarias con entidades culturais, cinematográficas e audiovisuais do Estado Español, europeas ou do resto do mundo, e naquelas outras entidades que á asemblea lle pareza oportuno.
  • Asumir a representación a instancias dos cineclubes ante calquera organismo, entidade ou persoa, estatais ou estranxeiras, a todos os efectos que procedan, e situar o cineclubismo galego no papel que lle corresponde na normalización cultural de Galicia.
  • As películas mercadas pola Federación poderán ser proxectadas sen atrancos, ao ser a Federación unha asociación legal con capacidade para ser suxeito de dereito, e faise responsable perante a Lei da súa cinemateca.
  • Proporcionar, nos termos que decida a asemblea xeral, os medios materiais de que dispoña a Federación para axudar ao desenvolvemento do seu traballo aos cineclubes.
  • Así mesmo, coa autorización da asemblea xeral de membros, poderá subscribir accións ou participar economicamente en empresas e agrupacións ligadas ao audiovisual no eido sociocultural, tendo presente canto determine o artigo 45 (apartado 5) destes Estatutos, polo que calquera superávit que puider obterse habería de reverter inmediatamente en actividades socioculturais ou audiovisuais, ás que se refire este artigo nos seus parágrafos precedentes. A aplicación destes remanentes fica xa regulada no artigo 38 destes Estatutos.
  • Organizar premios, concursos e actividades para o cumprimento dos seus fins.
Artigo 5.—
A Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga» establece o seu domicilio social en Ourense, na rúa Ramón Cabanillas, n° 1, entresollado, código postal 32004; o seu ámbito territorial, no que vai a realizar principalmente as súas actividades, é a Comunidade Autónoma Galega. Este domicilio poderá ser variado por acordo da asemblea xeral, supoñendo tal cambio unha modificación estatutaria.

CAPÍTULO II

Órgano de representación: a xunta reitora


Artigo 6.—
A Federación de Cineclubes de Galicia estará xestionada e representada por unha xunta reitora composta por presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a, tesoureiro/a e un vogal por cada provincia galega elixida entre os representantes dos cineclubes federados.
Artigo 7.—
Todos os cargos que compoñen a xunta reitora serán gratuítos, e poderán ser resarcidos polos gastos que supoñan o exercicio do seu cargo. Estes serán destinados e revocados pola asemblea xeral extraordinaria.
Artigo 8.—
A duración dos cargos da xunta reitora será por catro anos; serán renovados por metades cada dous anos. A primeira renovación afectará ao/á vicepresidente/a, ao/á secretario/a e aos vogais pares, e a seguinte ao/á presidente/a, ao/á tesoureiro/a e aos vogais impares. Todos os cargos serán reelixibles.
Artigo 9.—
Os cargos poderán causar baixa por renuncia voluntaria comunicada por escrito á xunta reitora, por incumprimento das súas obrigas ou por baixa do cineclube ao que representa.
Artigo 10.—
No caso de baixa da metade máis un da xunta reitora, convocarase á asemblea xeral extraordinaria nun prazo non superior a 30 días naturais para completala e renovala. A xunta reitora non poderá causar baixa colectivamente; os seus membros ostentarán os seus cargos até o nomeamento dunha nova xunta reitora en asemblea xeral extraordinaria dentro dos 30 días naturais seguintes, á que dará contas da súa xestión, presentando os oportunos balance e inventario, e facéndolle entrega dos documentos, fondos e patrimonios da Federación.
Artigo 11.—
A xunta reitora xuntarase todas as veces que determine o seu presidente ou á iniciativa do 20% dos seus membros. Quedará constituída coa asistencia da metade mais un dos seus membros, e para que os acordos sexan válidos deberán ser tomados por maioría simple de votos dos asistentes. En caso de empate, o voto do presidente será de calidade.

Funcións da xunta reitora


Artigo 12.—
As funcións da xunta reitora estenderanse, con carácter xeral, a todos os actos propios dos fins da Federación, sempre que non requiran expresamente nestes estatutos aprobación da asemblea xeral. Son funcións particulares da xunta reitora:
  • Dirixir as actividades sociais e levar a xestión económica e administrativa da asociación, acordando realizar os oportunos contratos e actos.
  • Executar os acordos da asemblea xeral.
  • Formular e someter á aprobación da asemblea xeral os balances e as contas anuais.
  • Resolver sobre a admisión de novos socios, admisión que será ratificada na asemblea xeral seguinte.
  • Nomear delegados para algunha actividade determinada da asociación.
  • Calquera outra facultade que non sexa da exclusiva competencia da asemblea xeral de socios.
  • Interpretar os presentes estatutos e procurar a súa observación.
  • Redactar ou encargar a redacción do regulamento de réxime interior, para a súa aprobación na asemblea xeral, e velar polo seu cumprimento.
  • Nomear comisións especiais que se estimen pertinentes.
  • Nomear e separar do seu cargo o/a director/a xerente coa preceptiva autorización da asemblea xeral.
  • Nomear e separar empregados da Federación e sinalar os seus soldos e emolumentos dentro dos límites orzamentarios aprobados pola asemblea xeral, a proposta do xerente, tendo á vista a lexislación laboral vixente.
  • Propoñer á asemblea xeral extraordinaria a revisión ou modificación dos estatutos, ou a disolución da Federación.
  • Propoñer á asemblea xeral a organización de actos lucrativos a beneficio dos fondos sociais da Federación, cando así o requira o seu estado económico.
  • Informar á asemblea xeral das actividades realizadas.
Para contratar ou obrigarse ao respecto dos bens mobles e inmobles e dereitos, así como créditos superiores a 6.000 euros, a xunta reitora necesitará a autorización especial da asemblea xeral convocada ao efecto.
Artigo 13.—
Serán funcións do/da presidente/a:
  • Representar legalmente á asociación ante toda clase de organismos públicos e privados.
  • Convocar, presidir e levantar sesións que celebre a asemblea xeral e a xunta reitora, así como dirixir as deliberacións dunha e doutra.
  • Ordenar pagamentos e autorizar coa súa sinatura documentos, actas e correspondencia.
  • Adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da asociación aconselle ou no desenvolvemento das súas actividades resulte necesaria e conveniente, coa obriga inmediata de dar conta á xunta reitora.
Artigo 14.—
Corresponde ao/a vicepresidente/a substituír ao/á presidente/a nos casos de ausencia ou imposibilidade deste, ou nos casos nos que éste ou a xunta reitora delegue nel expresamente.
Artigo 15.—
O/A secretario/a encargarase da administración, expedirá certificacións, levará os libros da asociación e o ficheiro de asociados e custodiará a documentación da entidade, facendo que se cursen as comunicacións sobre os acordos sociais e o cumprimento das obrigas documentais nos termos que legalmente correspondan. Levantará e asinará as actas das sesións, así como cantos escritos deban trasladarse a entidades e cineclubes.
Artigo 16.—
O/A tesoureiro/a recadará e custodiará os fondos da asociación e dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o/a presidente/a. A presentación das contas anuais corresponde ao/a tesoureiro/a.
Artigo 17.—
Será competencia dos vogais provinciais:
  • Velar na súa provincia pola extensión e o fomento dos obxectivos propios da Federación de Cineclubes de Galicia.
  • Representar aos cineclubes da súa demarcación ante a xunta reitora, velando e observando o cumprimento por esta xunta reitora das súas finalidades a respecto daqueles.
  • Intervir de forma preceptiva en cantos asuntos poidan concernir a calquera dos cineclubes do seu ámbito.
Os vogais, ademais de supliren, pola rolda que se acorde, o secretario e demais membros da xunta reitora, terán as obrigas propias do seu cargo como membros da xunta reitora. Terán así mesmo as obrigas derivadas das delegacións e comisións de traballo que a xunta reitora lles encargue.
Artigo 18.—
Ningún membro da xunta reitora poderá delegar a súa representación nin o seu voto nas reunións da xunta reitora.

CAPÍTULO III

A asemblea xeral


Artigo 19.—
A asemblea xeral é o órgano supremo de goberno da Federación e estará integrada por todos os cineclubes federados.
Artigo 20.—
As xuntanzas da asemblea xeral serán ordinarias e extraordinarias. A ordinaria celebrarase unha vez ao ano, como mínimo, dentro dos seis meses seguintes ao peche do exercicio, co fin de aprobar as contas. As extraordinarias celebraranse cando o aconsellen as circunstancias, a xuízo do/a presidente/a, cando a xunta reitora o acorde ou cando o propoña por escrito dirixido ao/á presidente/a un 20% dos asociados.
Artigo 21.—
As convocatorias das asembleas xerais realizaranse por correo certificado, expresando o lugar, o día e a hora da reunión, así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos a tratar. Entre a convocatoria e o día da celebración da asemblea en 1ª convocatoria mediarán polo menos 15 días naturais, facendo constar a data e a hora da 2ª convocatoria, cunha marxe de media hora como mínimo.
Artigo 22.—
Presidirá a asemblea xeral o/a presidente/a, no seu defecto, o/a vicepresidente/a ou quen, na ausencia de ambos os dous, decida a asemblea. Actuará de secretario/a o/a secretario/a da xunta reitora, ou, na súa ausencia, quen nomee a asemblea. Nas asembleas xerais terán voz e voto os cineclubes federados en plenitude de dereitos. Os cineclubes suspendidos de dereitos terán voz pero non voto. Os cineclubes asistentes non federados, con aceptación da asemblea, poden ter voz, mais non voto. Cada cineclube só poderá ostentar a súa representación. Non haberá voto delegado. A proposta de calquera cineclube, o/a presidente/a da asemblea someterá a aceptación da asistencia de persoas ou representantes de asociacións alleas á propia Federación de Cineclubes de Galicia, tamén sen voto.
Artigo 23.—
Son funcións da asemblea xeral ordinaria:
  • A aprobación, no seu caso, da xestión da xunta reitora.
  • Aprobar ou rexeitar as propostas da xunta reitora con vistas ao proxecto de actividades da Federación.
  • Examinar e aprobar as contas anuais.
  • Fixar as contas ordinarias ou extraordinarias, no seu caso.
  • Calquera outra que non sexa competencia exclusiva da asemblea extraordinaria.
  • O nomeamento dos membros da xunta reitora que teñan que mudar estatutariamente.
Artigo 24.—
Corresponde á asemblea xeral extraordinaria:
  • O nomeamento dos membros da xunta reitora para cubrir vacantes fóra de prazo.
  • A modificación dos Estatutos.
  • A disolución da asociación.
  • A expulsión de socios, a proposta da xunta reitora.
  • A integración en Redes, Federacións, Confederacións, ou calquera outro tipo de organismo.
Artigo 25.—
As votacións serán públicas, se un 20% dos asistentes con dereito a voto non solicita que sexan secretas.
Artigo 26.—
As asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a metade mais un dos cineclubes federados. En segunda convocatoria, calquera que sexa o número de representantes asistentes dos cineclubes federados.
Artigo 27.—
Nas convocatorias incluirase a seguinte información:
  1. Orde do día, que estará encabezada pola lectura da acta anterior e rematará con rogos e preguntas, con inclusión do resto dos puntos que se tercien.
  2. Copia das contas que se pretenden aprobar.
  3. Memorias, propostas e orzamentos obxecto de aprobación.
  4. Relación de cineclubes federados.
  5. Mocións de censura, no seu caso.
Artigo 28.—
Os membros da xunta reitora non disporán de voto nas asembleas xerais como tales membros, pero si como representantes de cineclubes federados de pleno dereito. Os/As empregados/as da Federación non teñen dereito a voto.
Artigo 29.—
Os acordos tomaranse por maioría simple dos cineclubes presentes cando os votos afirmativos superen os negativos, non sendo computables a estes efectos os votos en branco ou as abstencións. Será necesaria a maioría cualificada dos cineclubes presentes con dereito a voto, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade dos asistentes, para:
  • Nomeamentos e ceses de xunta reitora e administradores.
  • Integrarse en Federacións, Confederacións ou Redes, ou constituílas.
  • Disposición ou alienación de bens integrantes do inmobilizado.
  • Modificación de Estatutos.

CAPÍTULO IV

Os socios


Artigo 30.—
A Federación de Cineclubes de Galicia está integrada polos cineclubes que reúnan os requisitos seguintes:
  1. Admitir os presentes Estatutos, o Regulamento que os complementa e todas as obrigas derivadas dos acordos adoptados nas asembleas regulamentarias da Federación.
  2. Aboar as cotas que se establezan.
Artigo 31.—
Os cineclubes que soliciten o seu ingreso deberán acompañar a súa solicitude cos seus estatutos e demais documentación legalmente establecida. Cada cineclube nomeará o seu representante nas asembleas xerais, así como os suplentes para o caso de imposibilidade de asistencia por parte dos representantes. Se un socio solicita a inclusión na orde do día de algún punto máis, por escrito, éste pode ser incluído se a asemblea decide por maioría simple que se inclúa. Se non, pasará á seguinte asemblea, debidamente convocada.
Artigo 32.—
As asociacións e os centros de ensino que leven a cabo actividades cinematográficas esporadicamente poderán utilizar os servizos da Federación de acordo coas normas especificadas no regulamento de réxime interno e non terán consideración de membros federados.
Artigo 33.—
Así mesmo, poderán ter a categoría de membros adheridos á Federación aquelas asociacións galegas que radiquen fóra do ámbito territorial especificado no artigo 5, de acordo coas normas contidas no regulamento de réxime interno.
Artigo 34.—
A Federación poderá ter socios de honra, persoas físicas ou xurídicas que polo seu prestixio contribuísen dun xeito relevante á dignificación e desenvolvemento da Federación, facéndose dignos de tal distinción. O nomeamento dos socios de honra corresponderá á xunta reitora, coa aprobación cualificada da asemblea xeral. Estes socios non terán dereito a voto.
Artigo 35.—
Os socios causarán baixa por algunha das causas seguintes:
  • Por renuncia voluntaria, comunicada por escrito á xunta reitora.
  • Por incumprimento das súas obrigas económicas, despois de terse feito 3 requirimentos escritos.
  • Por disolución do cineclube.
  • Por grave incumprimento dos fins primordiais da Federación, despois do oportuno expediente sancionador.
Artigo 36.—
Os socios terán os seguintes dereitos:
  • Participar nas actividades organizadas pola Federación para o cumprimento dos seus fins.
  • Gozar de todas as vantaxes e beneficios que a Federación poida obter para os cineclubes.
  • Participar nas asembleas con voz e voto.
  • Que os seus representantes sexan electores e elixibles para os cargos da xunta reitora.
  • Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da Federación.
  • Facer suxestións aos membros da xunta reitora para o mellor cumprimento dos fins da Federación.
  • Gozar dos servizos da Federación, tales como:
    1. Distribución de películas.
    2. Formación de hemeroteca, biblioteca e videoteca.
    3. Información, fichas, publicacións.
    4. Asesoramento de todo tipo… etc.
  • Elevar consultas relacionadas coa organización e o funcionamento da Federación e os cineclubes.
  • Ser defendidos ante terceiros.
  • Recibir información previa ás asembleas.
  • Impugnar acordos que estime contrarios á Lei e aos Estatutos.
Artigo 37.—
Son obrigas dos socios da Federación:
  • Cumprir os presentes Estatutos e os acordos válidos das asembleas e da xunta reitora, así como o Regulamento de Réxime Interno.
  • Estar ao día nas obrigas económicas contraídas coa Federación.
  • Asistir aos seus representantes ás asembleas e demais actos que se organicen.
  • Todos os que xurdan do cumprimento do fin primordial da Federación, segundo queda indicado no artigo 3.
Artigo 38.—
Os cineclubes que incumpran as súas obrigas coa Federación poderán ser sancionados pola xunta reitora, previa instrución de expediente, coas seguintes medidas:
  1. Apercibimento.
  2. Suspensión total ou parcial dos servizos da Federación.
  3. Expulsión da Federación.
O cineclube sancionado poderá recorrer en alzada ante a primeira asemblea xeral que se celebre, e os acordos desta serán executivos. O expedientado ten dereito a:
ser escoitado con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra él e ser informado dos feitos, debendo ser motivado o acordo que, no seu caso, impoña a sanción. O derrame ou extravío do material poderá ser sancionado co pagamento dos gastos xerados ou de acordo co establecido no artigo anterior.

Responsabilidade, obrigas documentais e moción de censura


Artigo 39.—
A Federación responde das súas obrigas tanto legais como económicas cos seus bens presentes e futuros.
Artigo 40.—
Os representantes dos cineclubes non responden persoalmente das débedas da Federación.
Artigo 41.—
Os membros da xunta reitora responden ante a Federación, os asociados e terceiros por danos e débedas contraídas por actos dolosos, culposos ou neglixentes. Responderán así mesmo civil e administrativamente por actos e omisións no exercicio das súas funcións e por acordos votados na xunta reitora, fronte a terceiros, á Federación e aos cineclubes. Se a responsabilidade non pode ser imputada aos membros da directiva, a Federación responderá solidariamente no antedito, a non ser que salvasen o seu voto expresamente ou non asistisen á votación os representantes dos cineclubes.
Artigo 42.—
A Federación está obrigada á posesión da seguinte documentación, que pode ser en soporte informático:
  1. Relación actualizada de asociados.
  2. Actas.
  3. Contabilidade.
Artigo 43.—
Calquera cineclube federado poderá acceder a toda a documentación obrigatoria (actas, libro de socios e contas) se así o solicitan por escrito ao/a presidente/a nos termos previstos na Lei Orgánica 15/1999 [.pdf • 87 kB] do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Da moción de censura


Artigo 44.—
Todos os cargos enumerados e descritos nos presentes Estatutos como compoñentes da xunta reitora, e cantos outros puidesen crearse nesta, son responsables perante as asembleas que os elixiron. Calquera cineclube poderá propor unha moción de censura contra calquera das persoas que ocupen eses cargos, debendo ésta ser presentada por escrito e especificar o seu carácter xeral ou concretar nalgún cargo, ademais de incluír unha curta exposición dos motivos. Para poder pasar a discutir e votar a moción de censura, cómpre que esta estea apoiada, polo menos, por un terzo dos representantes. Despois de consumirse unha rolda preceptiva de defensa e outras dúas xerais potestativas de réplica e súplica, pasaríase deseguido á votación. No suposto de que sexa aceptada por maioría cualificada dos cineclubes presentes, a moción de censura terá efecto inmediato, implicando o automático afastamento do cargo.

CAPÍTULO V

Do réxime económico


Artigo 45.—
Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades da Federación serán os seguintes:
  1. As cotas dos socios/as, periódicas ou extraordinarias.
  2. As cantidades que a Federación obteña por alugamento ou venda das súas propias películas, así como das comisións por distribución das que teña en depósito.
  3. As subvencións ou doazóns que a Federación poida obter.
  4. Os ingresos que a Federación poida obter de calquera actividade ou manifestación que organice.
  5. Os produtos da venda ou alugamento dos seus materiais, publicacións ou aparellos.
  6. Os produtos obtidos como consecuencia das participacións económicas descritas no derradeiro parágrafo do artigo 4.
  7. Calquera outro recurso lícito.
Artigo 46.—
A Federación de Cineclubes de Galicia non ten patrimonio fundacional propio e os límites do seu orzamento anual cifraranse na suma de 120.000 euros (cento vinte mil euros), cantidade que poderá ser modificada por acordo da asemblea xeral, sen que tal modificación presupoña modificación estatutaria.
Artigo 47.—
O exercicio asociativo e económico será anual e o seu peche acontecerá o 31 de decembro de cada ano.

CAPÍTULO VI

Disolución


Artigo 48.—
A Federación disolverase cando así o acorde a asemblea xeral extraordinaria, convocada ao efecto, por unha maioría de 2/3 dos asociados, así como por causas determinadas no artigo 39 do Código Civil e por sentenza firme.
Artigo 49.—
En caso de disolución, nomearase unha comisión liquidadora, e (agás que sexa o xuíz quen acorde a disolución), unha vez saldadas e cobradas as débedas, se houber sobrante líquido ou patrimonial, os fondos existentes destinaranse, preferentemente, aos cineclubes que integran a Federación de Cineclubes de Galicia ou a entidades sen ánimo de lucro e con fins semellantes. A disolución da Federación abre un período de liquidación, até cuxa fin a asociación conservará a súa personalidade xurídica. Corresponde aos liquidadores:
  • Velar pola integridade do patrimonio da asociación.
  • Concluír as operacións pendentes ou efectuar novas, as precisas para a súa liquidación.
  • Cobrar créditos da Federación.
  • Liquidar o patrimonio e pagar acredores.
  • Aplicar aos bens sobrantes os fins previstos nos Estatutos.
  • Solicitar a cancelación dos asentos do Rexistro.
No caso de insolvencia da Federación, os liquidadores iniciarán procedemento concursal ante o xuíz competente.

 
 

DESCARGAR DOCUMENTO [Abre noutra xanela]
Tipos de Formato: .djvu  .epub  .odt  .pdf 
Estatutos da «Feciga» - Galego195 kB 33 kB 53 kB124 kB


Documento con formatos de estándares abertos, ao abeiro da (NTI) nos termos do RD 4/2010 do 8/01/2010.


Ir cara arriba

Actualizado o 14 de outubro de 2014

 

Apoios

 

(cc) Creative Commons BY-NC-SA 3.0. • Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga»