Cineclubes de Galicia pertencentes á «Feciga»

No ano 2019 aterra no Concello de Narón, na comarca de Ferrolterra, o cineclube «Serie B» cidade de Narón tripulado por un grupo naronés de amigos/as desenvoltos/as e ceibes de convencionalismos, como o cinema ao que honra co seu alcume e coa pilotaxe de Alberto Pena Novo; o seu devezo é por un determinado concepto de cinema, aberto a un amplo abano de tipoloxías e subxéneros e con doadas premisas na súa produción: orzamentos baixos, artesanía nos efectos especiais, creatividade, salacidade e a utilización ousada de elementos canónicos dunha famosa saga ou franquía.
O seu caderno de bitácora non é moi denso polo momento, pois a súa fundación data oficialmente no tricentésimo sesaxésimo cuarto día do décimo noveno ano do terceiro milenio e, un día antes do comezo, dunha anualidade pandémica que asolagou o mundo como unha invasión extraterreste, máis propia dos argumentos que empregaban este tipo de cinema polo que os/as integrantes do cineclube degoxan, que da apesarada realidade que nos tocou vivir. A súa primeira actividade, unha exposición coa curadoría do seu vicepresidente (fundador) Benjamín Hermida González, aspiraba e/ou pretende homenaxear a «Os cinemas perdidos de Narón», porén esta adíouse pola crise sanitaria da Covid–19 (até maio de 2021) e finalmente, as súas actividades reducíronse ás recomendacións fílmicas en datas senlleiras e mini–ciclos nas diferentes redes sociais nas que participan.
Cos azos de retomar a pretérita normalidade, en outono do 2020 encomezaron unha campaña para inocular a súa cinefilia ampliando os/as asociados/as amais da angueira institucional, agardando asinar axiña un convenio de colaboración co Concello de Narón.
No ano 2021 solicitaron formalmente a súa integración na Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga».
Últimas noticias do cineclube
Cidade de Narón
(A Coruña)




- Pazo da Cultura
rúa Holanda S/N
15570 Narón (A Coruña)


Bono anual: 20 €
(Horario CET)
Contacto
- Para gardar os datos do cineclube na tú axenda…
VCard ·
QR
[.vcs • 4 kB]
+ℹ Acerca do código «QR»