O cineclube na comarca do Val Miñor honra co seu alcume á parisiense Alice Ida Antoinette Guy, unha muller pioneira ineditamente na historia do cinema, escrita (por homes) e representada pola sona de Georges Méliès e os irmáns Lumière, pois foi ela quen transformou os monótonos e rudimentarios rexistros iniciais de postais en movemento, en historias cunha narración fílmica (incluíndo a interpretación e efectos especiais).
Iniciaron a súa actividade en decembro de 2018 proxectando no Auditorio Municipal, grazas á dirección de Miguel Ángel Alejos Castro amais da cooperación do Concello de Nigrán, con dous grandes clásicos do cinema, no nadal coa longametraxe «Paths of Glory» (Sendeiros de Gloria) do director americano Stanley Kubrick e un mes máis tarde, en xaneiro de 2019 (cando xa fica oficialmente o seu rexistro asociativo), co filme do tamén americano cineasta —e neoiorquino— Martin Scorsese «Taxi Driver». Nese mesmo ano adheríronse á Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga».
Avezan programar un filme os penúltimos xoves de cada mes, agás nos meses de verán, que o fan os luns, primeiro ou segundo do mes; a súa programación abrangue a todo tipo de cinema, dende o clásico até o máis contemporáneo, en versión orixinal e con subtítulos ou, de cando en vez, dobrada ao castelán.