Cineclubes de Galicia pertencentes á «Feciga»

A idea de pór en marcha o cineclube de A Illa parte desde o mesmo Concello, do rexedor (até 2015) J. Manuel Vázquez Vázquez e seguramente outrora circunstante da Asociación Cultural e Deportiva Dorna, quen desenvolvesen unha lembrada actividade cineclubista facía máis de tres décadas; así pois, aproveitando a dotación no Auditorio Municipal, grazas á achega efectuada a partes iguais entre a Xunta de Galicia (Consellería de Cultura) e os recursos propios do Concello dun completo equipo audiovisual —con ciclorama, lentes e proxector profesional— acadando mellorar, por conseguinte, a oferta cultural para os habitantes (e turistas) da illa arousá na comarca do Salnés.

Auditorio Municipal da Illa de Arousa (arquitecto: Manuel Gallego Jorreto)
Ilustración: SusoPB
A súa primeira sesión celebrouse en novembro de 2013, inaugurando as proxeccións no Auditorio cun ciclo sobre o afundimento e a marea negra provocada polo petroleiro «Prestige», un desastre ecolóxico con especial incidencia na zona, sucedido facía xustamente 12 anos e que desencadeou en Galicia as maiores mobilizacións sociais que se lembran, (en protesta pola vertedura e a súa deficiente xestión na resolución); os primeiros traballos audiovisuais visionados foron: «Muxía, Política na Costa da Morte» de Ricardo Llovo, na que se abordan os resultados das primeiras eleccións municipais tras a catástrofe, a curta «A Cada Porco lle Chega o seu San Martín» de Juan Lesta e Belén Montero, adscrito á produción colectiva «Hai Que Bótalos!», onde se recompilan algunhas das declaracións dos políticos e autoridades naquel momento e o documental «Carcamáns» do director nado na Illa Marcos Nine, que reflicte a perspectiva de veciños e mariñeiros ante a traxedia medio–ambiental, como a do cidadán Nito Dios, membro activista das plataformas «En Defensa da Ría de Arousa» (PDRA) e «Nunca Máis», que outrora era, precisamente, o encargado das proxeccións do colectivo cultural Dorna (ACDD).
Coa implicación do creador arousán, gañador (no 2014) dun «Mestre Mateo», inician as súas sesións periódicas, programando un filme o último sábado do mes, en outubro de 2014 coa comedia galega «Crebinsky», contando coa presenza do propio cineasta coruñés Enrique Otero; etapa que duraría até xaneiro de 2016, cunha última proxección en recordo das vítimas do accidente ferroviario en Angrois (2013), «Frankenstein–04155» de Aitor Rei.
Diferentes compromisos da xunta reitora que puxo en marcha o cineclube, provocou un parón na súa actividade; agardando que dita situación de provisionalidade sexa axiña resolta e retomen as actividades con certa regularidade, incorporando se fose posíbel, a máis voluntarios/as ao proxecto e acadar que perdure o cineclube A Illa de Arousa, un dos máis novos asociados á «Feciga»
Últimas noticias do cineclube
A Illa de Arousa




- Auditorio Municipalrúa Palmeira 24
36626 A Illa de Arousa Pontevedra


*Fin de mes
(Horario CET)
Contacto
- Para gardar os datos do cineclube na túa axenda…
VCard ·
QR
[.vcs • 4 kB]
+ℹ Acerca do código «QR»